Dic1

SAROU afonda, cunha secuencia narrativa cronolóxica, que se desenvolve en a penas vintecatro horas, e un estilo descarnado, directo e sen concesións, na particular conta atrás de dous homes, Sito e Cardiño, e de dúas mulleres, Karina e Laura, lanzados nunha carreira sen retorno cara ós instantes decisivos das súas vidas.
Sito, xove narcotraficante de orixe humilde, despois de catorce meses sae da prisión en liberdade condicional. Dende ese momento e nunha carreira alucinada a bordo do seu todorreo, buscará obsesivamente recuperar o tempo perdido: procurará o amor perdido de Karina que xa non atopará; pretenderá arranxar os seus ” negocios pendentes ” cos seus colegas da banda dos Buga que non solucionará; buscará os seus cartos enterrados no monte…
Nov25
A primeira reunión deste curso celebrarémola o vindeiro luns día 30 ás 16 horas na biblioteca do instituto. Nela coñecerémonos e farémosvos entrega do primeiro libro para este curso.
Jun30
Onte celebramos a última reunión do club de lectura,e aínda que a asistencia non foi moi numerosa a charla foi moi
animada.Comentamos o libro que nos habia recomendado María Reimondez,”Así nacen as baleas” que tivo moi boa aceptación. Ao final terminamos comentando suxestións de lecturas para o verán e para o próximo curso. 
Jun4

ASÍ NACEN AS BALEAS
Editorial Galaxia
164 páx
Con “Así nacen as baleas”, a escritora Anxos Sumai obtén o Premio Repsol YPF do ano 2007.
Na segunda edición, o premio de narrativa breve organizado por Repsol YPF en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e publicado por Editorial Galaxia outórgase a unha obra que conta a historia dunha liberación a través da ollada dunha muller. Unha novela na que sentimentos, paixóns, condicionantes sociais e biografía estouran a través dunha maneira de narrar que descobre un mundo cos ollos novos de quen quere vivir nel de xeito diferente.
Así nacen as baleas conta a historia dunha viaxe de regreso á casa, á orixe familiar dunha muller nova que retorna ao seu pasado como única posibilidade de entender e vivir o presente.
De volta desde California, onde como bióloga traballa coas baleas, a narradora da novela redebuxa o seu pasado coa axuda da lembranza da figura do seu irmán Ramón, un neno con problemas psíquicos que, coma a protagonista, só é quen de existir mentres pode facerse preguntas.
Anxos Sumai conta a historia cunha linguaxe narrativa na que metáforas, personaxes e relato conflúen para describir o mundo desde a ollada diferente dunha rapaza e do seu irmán discapacitado psíquico.
Jun3
Onte celebramos a penúltima reunión do club de lectura para este curso. Nela comentamos o libro “A moza da perla” que lemos todos, e a película baseada nel que xa foi visionada na residencia de persoas maiores. Ambos gustaron moito a todos. Falamos de arte, e utilizando libros con imaxes de cadros de Vermeer e outros soportes como o computador fomos vendo, comparando e comentando os diferentes cadros dos que fala o libro, que nos axudan a comprender os costumes desa época que tan ben se describen no libro.
May27
A próxima reunión do club de lectura se celabrará o martes 2 de xuño ás 16:15 horas na residencia. Comentaremos o libro “A moza da perla” e veremos as reproducións dos cadros dos que se fala no libro.
May5

Título: La joven de la Perla
A Moza da Perla: Tracy Chevalier, unha das escritoras máis prometedoras desta xeración, crea unha espléndida novela que mestura a novela ficticia coa realidade, sobre as relacións que supostamente puido manter o pintor holandés Johannes Vermeer cunha nova criada que entra a servir á súa casa. A moza convértese na musa do artista e a platónica relación que se establece entre eles serviu para estimular a creatividade de Vermeer. Un mundo de silencios e miradas cómplices, onde as palabras sobran e a unión das súas almas pode sentirse en cada encontro.
A personalidade do pintor é reflectida por Chevalier a nivel humano e artístico. Descubrimos con ela as liñas, matices e motivos da súa pintura, as técnicas que usou e o marco social e histórico no que se desenvolveu a súa vida. Todas as formas de chegar á obra deste gran artista son válidas e Tracy Chevalier consegue interesarnos na súa obra.
Mar31
Hoxe á reunión do club de lectura asistiu María Reimóndez, autora do último libro que lemos, O club da calceta. María sorprendeunos a todos calcetando mentres escoitaba os nosos comentarios e achegaba as súas opinións. Falamos dos personaxes do libro e de como se unen as súas vidas, pero tamén ao fío destas historias, das inxustizas e a incomprensión que aínda sofren algunhas mulleres. Axudounos a sentir e a velas con outros ollos. Moitas grazas María, desexamos que teñas moita sorte nos teus proxectos!
www.implicadas.blogspot.com/

Mar23
A próxima xuntanza do Club de lectura será o luns 30 ás 17:00 h na residencia.
Falaremos sobre “O club da calceta” e contaremos coa presenza da súa autora, María Reimóndez
Non faltedes!